domingo, 17 de febreiro de 2019

EXPRESIÓNS QUE DEBES COÑECER PARA ENTENDER AOS TEUS FILLOS/AS ADOLESCENTES.





Os/as adolescentes actuais pertencen á chamada xeración Z, a primeira en nacer na era dixital. O seu dominio das novas tecnoloxías é innato e, de feito, case a metade deles pasan de 6 a 10 horas diarias cos seus móbiles mantendo multitude de conversacións á vez nas súas redes sociais. Moitas das expresións que utilizan son novas para nós, forxáronse en internet (sobre todo en foros de xogos, en foros temáticos, en chats ou en redes sociais) e agora transcendéronas para invadir a linguaxe cotiá: o escrito, na mensaxeiría móbil ou nas redes, e incluso o falado. Se aínda es dos que quedan coa faciana de “non me decatei de nada” cando lles ves algún destes termos, propoñémosche un repaso polos máis populares.

  • “XD”: é o mesmo que poñer a emoticona da cariña riseira, ou sexa, o que equivalería ao “Ja, ja, ja” de toda a vida. Indicaría que algo é divertido.
  • “LOL”: detrás deste mítico acrónimo agáchanse moitas risas. Utilízase para mostrar que algo é moi gracioso, de feito o seu significado en inglés é Laughing out loud (rirse en voz alta, ou rirse durante moito rato, a gargalladas). A maior número de oes, máis risa (LOOOOOOL). Tamén ten sentido de sorpresa maiúscula, de dicir “Ala, que forte, pero, que me estás a contar?!”.
  • “OMG”: é a sigla de “Oh, my God” (Oh, meu Deus). É, xunto a WTF, a expresión máis frecuente para amosar sorpresa e asombro.
  • “WTF”: Significa “What the fuck”, ou sexa, “Que carallo!” (con perdón). Pode ser equivalente ao “OMG” en certos contextos de sorpresa. Moi utilizada en foros de internet e no WhatsApp, a súa opción curta é, pronunciada, “Dafuck”.
  • “BAE”: é un dos termos máis cariñosos que poden saír pola boca dun adolescente. Dise de alguén ao que lle tes agarimo —mesmo amor—. Unha das orixes destas siglas está no inglés: " Before  anyone  else" (antes que ninguén) e poderalo escoitar en expresións como "é a miña bae".
  • “Bro”: abreviación de brother. O amigo ou “colega” de toda a vida.
  •  “RT”: vén do popular retuit de Twitter.  Retuitear un tuit implica estar de acordo con ese contido, significa “totalmente de acordo contigo, ok”.
  • “NTR”: en lugar de "non te raies", moitos prefiren dicir NTR. “Raiarse”: darlle moitas voltas a unha cousa, tamén podería ser “mosquearse”, anoxarse.
  • “Hater”: persoa que odia e critica continuamente, normalmente polas redes sociais.
  • “Stalkear”: trátase de seguir a vida de alguén en redes sociais e Internet. Basicamente é rexoubar en silencio.
  • “Trolear”: molestar, cansar ou enfadar e, especialmente, tomar o pelo, vacilar ou gastar unha broma, polo xeral pesada.
  •  “Estar de jajás”: estar a facer algo divertido.
  • “Crush”: é unha persoa que che gusta e á que ti tamén lle gustas, coma se se tivese producido un frechazo entre vós. É un deses namoramentos repentinos que carecen de xuízo. Unha especie de amor platónico ou historia intensa coa que se soña. Moitos/as adolescentes teñen o seu “crush”, ás veces do seu redor e outras inaccesible para eles/as.
  •  “Pavo/a”: rapaz/a.
  • “Safar”: librarse de algo.
  •  “Jalar”: liarse con alguén e chegar a “morrear”.
  • “Fecas”: é un “rajado”, cobarde, ou tamén dinlles, ás veces, as persoas que lles resultan odiosos.
  • “Carpeta”: parella (xeralmente do “famoseo”) que decidiron unir porque lles apetece. Os seus seguidores denomínanse carpeteros e carpeteras, e a orixe da palabra ven dos cartafoles (carpetas) dos adolescentes, habitualmente decoradas cos seus ídolos. Por esta razón, carpetear é sinónimo de idolatrar unha relación.
  • “KLK”: é un acrónimo empregado como saúdo coloquial e deriva da expresión “Que é o que hai”. A súa forma simplificada no WhatsApp  é “ KLK”, que tamén pode servir para dicirlle a alguén que os seus argumentos carecen de sentido: “ Klk que di?”.

De todos os xeitos, se cadra, o presente listado non servirá de nada dentro duns anos. Este tipo de vocabulario é moi versátil e está en continuo crecemento, cambio e transformación.

Finalmente non podemos esquecer que os termos e o argot dependen moito da localidade e do círculo social ao que se pertence, e que os que vimos de compartir son as expresións máis típicas, pero seguro que os vosos fillos e fillas coñecen algunha máis. PREGUNTÁDELLES.

Fontes:

Alumnos/as de 1º e 2º ESO do CPR Plurilingue Santiago Apóstol.

venres, 1 de febreiro de 2019

Comunicarse cun adolescente.



Estracto adaptado do libro “Cómo ayudar a su hijo durante los primeros años de la adolescencia” do Departamento de Educación dos Estados Unidos.
 Moitos pais pensan que o seu fillo/a adolescente comunícase mellor con calquera que con eles mesmos, aínda que sexan uns pais marabillosos. A clave parece estar en ser curioso (interesarse polas súas cousas) pero sen interferir demasiado. Esforzarse por respectar a necesidade de privacidade do adolescente (“son as miñas cousas”) á vez que se establece confianza e proximidade emocional. Se se estableceron hábitos de comunicación durante a infancia co adolescente será máis fácil, aínda así sempre é posible mellorar a comunicación cun fillo ou filla adolescente. Aquí ofrecémoslle algunhas estratexias.   

  • Recoñeza que non hai receita máxica. O que funciona cuns non funciona con outros. Pescude cales son os intereses do seu adolescente, infórmese do asunto e tente entrar por ese tema.
  •  Escoite. Non fale vostede. Limítese a escoitar, non interrompa e poña atención ao que el ou ela di. Elixa un lugar tranquilo e sen interrupcións (apague a televisión). Cuantos menos consellos lle dea, máis consellos lle pedirá. Non lle sermone.
  • Busque ocasións. Os adolescentes non contan cando se lles ordena, senón cando eles queren. Vostede debe estar dispoñible, uns prefiren falar ao chegar de clase, outros despois de cear, outros antes de irse á cama. En xeral as mellores conversacións danse cando se fan cousas compartidas (lavar o coche, cociñar, mover mobles, pintar unha habitación...). Fale das diferenzas. Se o seu fillo/a non ten claro que se respecta o seu dereito para opinar diferente será difícil que se abra con vostede. O desacordo civilizado e razoado non impide a comunicación. Coñecer en que non están de acordo pode ser moi útil para saber o nivel de madurez do seu adolescente e permitirá renegociar normas.
  • Non esaxere. Se ante un erro ou incumprimento do seu fillo vostede reacciona desproporcionadamente é moi posible que acaben en berros e insultos. Controle a súa rabia sen deixar de expresar a súa preocupación. Unha boa forma é preguntar, o máis acougado posible, a súa opinión respecto diso e a partir de aí falar das diferenzas. Se o seu fillo de 14 anos lle conta que o pasado venres probou unha cervexa e vostede perde os estribos, o máis probable é que non volva contarlle nada en moito tempo.
  • As súas preocupacións e intereses. Algunhas das cousas das que eles queren falar quizais a vostede lle aburran, póñase no seu lugar e na súa época. Non finxa interese, nótano. Preguntar e escoitar é signo de respecto cara aos sentimentos e opinións. Algúns dos temas que interesan ou preocupan nestas idades son: 

-     Os estudos. Que tal na clase hoxe? Ben. Diante dunha pregunta xeral unha resposta xeral. Revise os seus libros ou cadernos e pregunte cousas máis concretas: Como che vai coas ecuacións de 2º grao? Hai algún compañeiro novo no equipo de futbol?, Como é un profesor?
-      Afeccións. Se é afeccionado ao deporte ou seguidor dun equipo pregúntelle por cousas concretas dese tema. A música é algo que atrae durante algún tempo a case todos os adolescentes e vostede debe saber, como mínimo, os nomes dos cantantes favoritos do seu fillo.
-  Emocións. Antes apuntamos que os adolescentes preocúpanse bastante por varias razóns (os seus amigos, a súa sexualidade, o seu aspecto físico, o seu futuro laboral, o divorcio dos seus pais, as guerras no mundo, etc., etc. ). Cando non estea seguro da importancia dun tema para o seu fillo pregúntelle. Que importancia ten para ti? Con que frecuencia che preocupa?, Paréceche un problema pequeno, mediano ou grande? Coñecer a magnitude e a importancia das súas preocupacións permitiralle decidir mellor como afrontalo.
-    Familia. Aos adolescentes gústalles falar e participar nas decisións familiares, igual que lle gusta ser tidos en conta nas normas que lles afectan individualmente. Tomando parte nas conversacións familiares sentirase máis seguro e máis vinculado emocionalmente á familia.
-    Temas delicados. Se vostede evita falar de temas delicados o máis probable é que o seu adolescente busque información e opinións noutro lado. Os adolescentes din saber moito acerca dalgúns temas delicados pero a realidade é que saben máis ben pouco. Afrontar un asunto delicado por primeira vez e de fronte funciona poucas veces. Non pode un sentar fronte ao seu fillo de trece anos e sen tocar antes o asunto dicir: “Hoxe imos falar das relacións sexuais”. Esta é a forma máis rápida de acabar unha conversación antes de empezala.
-   Os pais. Cal foi o teu primeiro noivo? Que tal se che daban as matemáticas?, Que paga che daban aos 12 anos? Como é o teu xefe no traballo? Sen ter que responder necesariamente a preguntas indiscretas os adolescentes interésanse polos seus pais, o seu pasado e o seu presente, e isto pódelles ser moi útil para empezar a definir a súa propia vida.
-    O futuro. Coa maduración mental o futuro será algo que lles está empezando a preocupar. O hábito de comunicación cos pais facilitará preguntas do tipo: Como será a vida despois da Secundaria?, Atoparei traballo?, A que idade pode un casar? Estas preguntas merecen a súa atención e resposta. Cando non saiba contestar: un “non sei” honesto é a mellor resposta e continúe pedindo as súas opinións, ilusións, aspiracións ou sentimentos.
-    Cultura, acontecementos. A saturación de medios de comunicación fai que o seu fillo teña unha chea de xanelas ao mundo. Compartir opinións sobre películas ou espectáculos é un excelente medio de coñecer os seus gustos e opinións. 

  • Comuníquese con respecto. Ás veces os adolescentes provocan dicindo ou facendo cousas inapropiadas. Non caia na provocación. O autocontrol que vostede demostre dará froito en mellores relacións e conversacións no futuro. Ás veces dan máis importancia a como se din as cousas que ás cousas que se din.