venres, 1 de febreiro de 2019

Comunicarse cun adolescente.



Estracto adaptado do libro “Cómo ayudar a su hijo durante los primeros años de la adolescencia” do Departamento de Educación dos Estados Unidos.
 Moitos pais pensan que o seu fillo/a adolescente comunícase mellor con calquera que con eles mesmos, aínda que sexan uns pais marabillosos. A clave parece estar en ser curioso (interesarse polas súas cousas) pero sen interferir demasiado. Esforzarse por respectar a necesidade de privacidade do adolescente (“son as miñas cousas”) á vez que se establece confianza e proximidade emocional. Se se estableceron hábitos de comunicación durante a infancia co adolescente será máis fácil, aínda así sempre é posible mellorar a comunicación cun fillo ou filla adolescente. Aquí ofrecémoslle algunhas estratexias.   

  • Recoñeza que non hai receita máxica. O que funciona cuns non funciona con outros. Pescude cales son os intereses do seu adolescente, infórmese do asunto e tente entrar por ese tema.
  •  Escoite. Non fale vostede. Limítese a escoitar, non interrompa e poña atención ao que el ou ela di. Elixa un lugar tranquilo e sen interrupcións (apague a televisión). Cuantos menos consellos lle dea, máis consellos lle pedirá. Non lle sermone.
  • Busque ocasións. Os adolescentes non contan cando se lles ordena, senón cando eles queren. Vostede debe estar dispoñible, uns prefiren falar ao chegar de clase, outros despois de cear, outros antes de irse á cama. En xeral as mellores conversacións danse cando se fan cousas compartidas (lavar o coche, cociñar, mover mobles, pintar unha habitación...). Fale das diferenzas. Se o seu fillo/a non ten claro que se respecta o seu dereito para opinar diferente será difícil que se abra con vostede. O desacordo civilizado e razoado non impide a comunicación. Coñecer en que non están de acordo pode ser moi útil para saber o nivel de madurez do seu adolescente e permitirá renegociar normas.
  • Non esaxere. Se ante un erro ou incumprimento do seu fillo vostede reacciona desproporcionadamente é moi posible que acaben en berros e insultos. Controle a súa rabia sen deixar de expresar a súa preocupación. Unha boa forma é preguntar, o máis acougado posible, a súa opinión respecto diso e a partir de aí falar das diferenzas. Se o seu fillo de 14 anos lle conta que o pasado venres probou unha cervexa e vostede perde os estribos, o máis probable é que non volva contarlle nada en moito tempo.
  • As súas preocupacións e intereses. Algunhas das cousas das que eles queren falar quizais a vostede lle aburran, póñase no seu lugar e na súa época. Non finxa interese, nótano. Preguntar e escoitar é signo de respecto cara aos sentimentos e opinións. Algúns dos temas que interesan ou preocupan nestas idades son: 

-     Os estudos. Que tal na clase hoxe? Ben. Diante dunha pregunta xeral unha resposta xeral. Revise os seus libros ou cadernos e pregunte cousas máis concretas: Como che vai coas ecuacións de 2º grao? Hai algún compañeiro novo no equipo de futbol?, Como é un profesor?
-      Afeccións. Se é afeccionado ao deporte ou seguidor dun equipo pregúntelle por cousas concretas dese tema. A música é algo que atrae durante algún tempo a case todos os adolescentes e vostede debe saber, como mínimo, os nomes dos cantantes favoritos do seu fillo.
-  Emocións. Antes apuntamos que os adolescentes preocúpanse bastante por varias razóns (os seus amigos, a súa sexualidade, o seu aspecto físico, o seu futuro laboral, o divorcio dos seus pais, as guerras no mundo, etc., etc. ). Cando non estea seguro da importancia dun tema para o seu fillo pregúntelle. Que importancia ten para ti? Con que frecuencia che preocupa?, Paréceche un problema pequeno, mediano ou grande? Coñecer a magnitude e a importancia das súas preocupacións permitiralle decidir mellor como afrontalo.
-    Familia. Aos adolescentes gústalles falar e participar nas decisións familiares, igual que lle gusta ser tidos en conta nas normas que lles afectan individualmente. Tomando parte nas conversacións familiares sentirase máis seguro e máis vinculado emocionalmente á familia.
-    Temas delicados. Se vostede evita falar de temas delicados o máis probable é que o seu adolescente busque información e opinións noutro lado. Os adolescentes din saber moito acerca dalgúns temas delicados pero a realidade é que saben máis ben pouco. Afrontar un asunto delicado por primeira vez e de fronte funciona poucas veces. Non pode un sentar fronte ao seu fillo de trece anos e sen tocar antes o asunto dicir: “Hoxe imos falar das relacións sexuais”. Esta é a forma máis rápida de acabar unha conversación antes de empezala.
-   Os pais. Cal foi o teu primeiro noivo? Que tal se che daban as matemáticas?, Que paga che daban aos 12 anos? Como é o teu xefe no traballo? Sen ter que responder necesariamente a preguntas indiscretas os adolescentes interésanse polos seus pais, o seu pasado e o seu presente, e isto pódelles ser moi útil para empezar a definir a súa propia vida.
-    O futuro. Coa maduración mental o futuro será algo que lles está empezando a preocupar. O hábito de comunicación cos pais facilitará preguntas do tipo: Como será a vida despois da Secundaria?, Atoparei traballo?, A que idade pode un casar? Estas preguntas merecen a súa atención e resposta. Cando non saiba contestar: un “non sei” honesto é a mellor resposta e continúe pedindo as súas opinións, ilusións, aspiracións ou sentimentos.
-    Cultura, acontecementos. A saturación de medios de comunicación fai que o seu fillo teña unha chea de xanelas ao mundo. Compartir opinións sobre películas ou espectáculos é un excelente medio de coñecer os seus gustos e opinións. 

  • Comuníquese con respecto. Ás veces os adolescentes provocan dicindo ou facendo cousas inapropiadas. Non caia na provocación. O autocontrol que vostede demostre dará froito en mellores relacións e conversacións no futuro. Ás veces dan máis importancia a como se din as cousas que ás cousas que se din.

Ningún comentario:

Publicar un comentario